Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Industria en Galiza: debate en tempos convulsos

Recreación virtual do Proxecto GAMA realizada por Greenfiber

0

Presidente español: NON DEMITA.

É moi difícil analisar a evolución do investimento na economía galega ao par que soportamos o resultado do acoso e derruba antidemocrática ao presidente do goberno español. Non teño nada a ver, partidariamente falando, co goberno do Estado; podo considerarme vítima no meu pobo da marxinación estatal, mais se despois de saír do franquismo afastizado poidemos respirar con alivio, en espera doutros logros sociais económicos e políticos, certo é que nunca pensamos asistir a unha especie de golpe de estado sen armas, mais coa mesma finalidade: esgotar por malas artes e maltrato de palabra, é dicer, con violencia verbal, o contrincante, que é neste caso, lexítimo mandatario á fronte do goberno do Estado. É como se estiveran en Madrid, asesorando unha especie de consultoría eleitoral, os asesores de Trump deseñando e implementando os elementos sociais precisos para derrubar por abatemento o goberno legal e lexitimamente constituído. A estratexia da mentira, bulo e sospeita é tan burda, e houbo xa tantos casos anteriores, que só nos queda desexar que o goberno non ceda e comece unha era de defensa a serio, en beneficio de todos, do exercicio da función de goberno.

En parte, aquí na Galiza tamén sofremos un clima dese mesmo carácter ordinario até a saturación. Non hai maneira de debater de forma racional, quérese dicer con argumentos expostos sobre un documento, verbo da política industrial tanto pública como privada, ou, como é neste caso, privada aspirante a financiamento público. Referímonos a Altri, agora Greenfiber, co proxecto denominado Gama para instalar na Ulloa, concello de Palas de Rei, unha planta de fabricación de pasta celulósica.

O proxecto comezou con Feixoo de presidente, pasa o tempo -un pouco de pandemia-, e publicamente reaparece recollido nun documento oficial publicado no DOG do 4 de marzo pasado, como exposición pública da Autorización Ambiental Integrada (AAI), o estudo de impacto ambiental, a declaración de utilidade pública para implantar unha industria de fibra téxtil a base de celulosa e as súas infraestruturas asociadas. Enténdese que o que figura nese documento contén todas e cada unha das características do dito proxecto, e a tal fin, como maneira de dalo a coñecer, publícase a información a dispor do público na páxina web da Consellaría de Economía, Industria e Innovación, como se indica en tal documento oficial.

É preciso este prólogo tedioso porque estamos ante un caso correúdo de embustes, canfurnadas, des-información e, así mesmo, creación de falsa imaxe da economía galega en beneficio da defensa a morte do proxecto. É precisamente esa teimosía e obstinación na forma de facer política e de se relacionar cos disidentes, cos contrarios con algunha iniciativa do goberno, o que nos ten incitado a insistir: algo obscuro haberá tras a celulosa para que sexa preciso utilizar tales mañas non edificantes.

É preciso aclarar antes de proseguir que con criterios económicos, é dicer, con algo de coñecemento en economía, podémonos permitir rexeitar por razóns esenciais unha celulosa como a que propón Altri; nen sequer no caso de pobreza ou deserto industrial sería admísibel nun país como o noso. Prima unha razón esencial sobre as circunstanciais, mais estas son tamén deplorábeis.

Unha especie de imaxe falsa que se dá do noso país sitúanos na rampa de candidatos á calquer industria. Isto vai asociado a outra falsa fórmula: temos pouca industria e calquer industria é unha oportunidade (Sr. Rueda dixit). A Conselleira de Economía e Industria, en nome e representación do goberno galego, ten o mérito de defender o indefendíbel, xa que, despois de recoñecer en público que non ten por que falar, defender ou coñecer o proxecto pasa a deostar os que alegan que son contrarios á súa instalación. Como é? Coñece ou non coñece? Debe coñecelo ou non? Debe defendelo sen coñecelo? Ou deféndeo porque calquer industria de calquera e financiada cos cartos públicos é boa por definición? O goberno galego -a súa representación personalizada- pode alegar descoñecemento do que publica o DOG despois de lle outorgar o título de utilidade pública á unha factoría de celulosa? Pode unha conselleira ignorar o traballo previo de pescuda dos afectados nos seus bens pola construción, e funcionamento, da proposta factoría que ocupan 53 páxinas de anexos no DOG citado? É imposíbel aceptar tal demostración de cinismo.

A formulación de que Galiza é un país sen industria e calquer porcallada que se nos achegue ha de ser recibida con entusiasmo de desgrazados, debe ser combatida con datos numéricos.

Galiza é tan industrial como é a economía española (ou tan pouco industrial se nos comparamos con China), de tal forma que a parte da industria no PIB galego é igual á media española e superior á que nos correspondería se tomamos como base de participación a poboación. A composición do capital galego 2022 (Estudo BBVA, Ivie) por activos concentra o 87% en vivendas e outras construcións, sendo a cifra española 88% . En maquinaria e activos non TIC e equipos de transporte, 9%, sendo a cifra española o 8% . En activos TIC, igual que a estrutura española -2%- e I+D e outros activos 2%, igual que España.

Se medimos a estrutura do capital existente por sectores, tanto en agricultura e pesca como en industria, representamos unha porcentaxe do existente en España superior ao significado porcentual do noso PIB no Estado. O capital neto en industria de Galiza é o 6,1 do estatal. Sabendo que o noso PIB representa o 5,1 do total español, é moi significativo ese valor do capital galego ou en Galiza. En total, o valor do capital industrial entre o total do capital galego é o 14%, e en España non supera o 11%.

Se nos comparamos en cifras de ocupación, dáse o caso de que en Galiza a taxa de ocupación é superior á media española e o paro un pouco inferior á media, polo que os 250 postos de traballo que pode oferecer Altri e a re-eucaliptización do territorio sen eucaliptos, non parece precisamente unha lotaría senón todo o contrario (E todo isto sen citar nen unha vez os problemas medioambientais).

Galiza precisa industria, si. Reforzar as existentes, cerrar ciclos produtivos en toda a agricultura e gandaría. Seguir pescando, vendendo, transformando, exportando e completando o ciclo en toda a actividade pesqueira. E toda a restante industria manufactureira, que é diversa e precisa atención pública, tamén precisa seguir vivendo sen que os cartos públicos financien industrias botadas de Portugal.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats